Poder, poder, poder

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Hai a quen non lle gusta a sombra nin no verán. Porque hai quen é de luces, en xeral, e de focos en particular. A case ninguén lle serve quedar en segunda liña, a que vale é a primeira. As loitas de poder son ben complicadas. 

É curioso que a última pelexa por egocentrismo político se dea nas filas dun partido que comezou proclamando o rexeitamento á caste, prometendo unha nova maneira de vivir, consultando ás bases, de xeito asembleario, sen ditaduras nin mandatos. Que ben soaba. Todo serían acordos por maioría, todo se levaría a debate, todo a decidir de común acordo.

Peeeero... os malditos peros! Que pasa cando os compoñentes da cúpula non están de acordo? Que os egos saltan o carácter asembleario, e os que non lle din que si ao xefe acaban desaparecendo. Foi o caso de Carolina Bescansa, tan popular, tan mediatizada, tan vista nas pantallas, nas ondas, nos debates e programas televisivos... sabiamos ata cando aleitaba ao seu bebé. E de súpeto desapareceu. Como tamén desapareceron, en maior ou menor medida, Monedero, Errejón, Echenique. Agochados baixo o pano que quita o lixo, o po.

Era mellor que os deixaran na luz, que non os arredasen repentinamente da vida pública porque, cal tarántulas, foron tecendo unha arañeira perigosa, unha randeeira que pretendía ser a cadeira eléctrica para o xefe. Si, aquel que un día fora amigo e agora consideraban o inimigo.

Ai o poder. Poder, poder, poder... O poder de Podemos tamén pode ser gorentoso e, polo tanto, constituír un perigo.